Vixilancia, prevención e control das infeccións respiratorias agudas en Galicia: centros sociosanitarios residenciais vulnerables

O documento Vixilancia, prevención e control das infeccións respiratorias agudas en Galicia: centros sociosanitarios residenciais vulnerables foi elaborado polas Direccións Xerais de Saúde Pública, Asistencia Sanitaria e Recursos Humáns respecto ás medidas preventivas tras o fin da crise sanitaria.

Tras a declaración da fin da emerxencia sanitaria feita pola Organización Mundial da Saúde, xa non é precisa a exhaustividade da vixilancia previa sendo suficiente cunha vixilancia que permita monitorizar os cambios do virus. Deste xeito, a vixilancia da COVID-19 pasará a asemellarse á vixilancia do resto das infeccións respiratorias agudas (IRAs).

Non obstante, debe terse en conta que existen persoas especialmente vulnerables que teñen un maior risco de padecer formas graves de enfermidade debido a problemas de saúde subxacentes, sistemas inmunes debilitados ou idade avanzada. Do mesmo xeito, tamén existen ámbitos vulnerables nos que hai un elevado número de persoas que comparten un mesmo espazo pechado co conseguinte aumento de risco de propagación das IRAs. Polo tanto, e tendo en conta que os abrochos de infeccións respiratorias agudas (IRAs) en centros residenciais de persoas maiores ou con discapacidade poden cursar cun elevado número de casos e cunha morbilidade máis elevada con respecto a poboación xeral, faise necesario un documento específico que recolla as medidas preventivas e de control necesarias para evitar casos e abrochos nestes centros sociosanitarios nos que residen persoas vulnerables, así como vixiar posibles cambios nas dinámicas das IRAs nestes ámbitos concretos.

Obxectivos

Os obxectivos do documento son:

  • Establecer as recomendacións preventivas que permitan evitar a aparición de casos de IRAs e a posterior xeración de abrochos.
  • Establecer as medidas de control necesarias a establecer unha vez se identifique un abrocho de IRAs
  • Complementar a vixilancia das IRAs mediante a recompilación de información nun ámbito vulnerable específico, de xeito que se poidan avaliar as medidas indicadas para a prevención e control de abrochos.