O CSG participa no acto de entrega da certificación GHG Protocol ao Servizo Galego de Saúde

O Cluster Saúde de Galicia, CSG participou no acto de entrega da certificación GHG Protocol ao Servizo Galego de Saúde (SERGAS), celebrado en Santiago de Compostela. A xornada recoñeceu o compromiso do sistema sanitario galego coa sustentabilidade e coa redución das emisións, en consonancia cos estándares internacionais do GHG Protocol.

Durante o evento proxectouse o documental “A sustentabilidade como motor de cambio no Servizo Galego de Saúde”, que amosa o traballo realizado polo SERGAS en materia de sustentabilidade. A continuación, tivo lugar unha mesa redonda centrada na descarbonización do sector sanitario, coa participación de representantes de ECODES (Fundación Ecología y Desarrollo), AENOR e o xerente do SERGAS, José Ramón Parada Jorgal.

No acto, a entidade certificadora AENOR fixo entrega formal da certificación ao Conselleiro de Sanidade e ao xerente do SERGAS, que, pola súa banda, recoñeceron a implicación activa das sete áreas sanitarias participantes e de Galaria EPSS, SA —entidade socia do CSG— no proceso de avaliación e mellora da súa pegada de carbono.

Desde o CSG valoramos iniciativas coma esta, que promoven unha transformación sustentable do sistema sanitario, integrando saúde, innovación e responsabilidade ambiental.