A presidenta do Cluster Saúde de Galicia, CSG, Rocío Mosquera Álvarez, foi incorporada ao novo Comité Asesor do Círculo da Sanidade, un órgano de recente creación que reunirá profesionais de referencia no ámbito sanitario co obxectivo de achegar coñecemento, visión estratéxica e impulsar o debate sobre os principais retos do sector.
O Comité Asesor terá como funcións principais o asesoramento en contidos científicos para as Xornadas Internacionais do Círculo da Sanidade, así como a organización de debates, encontros e mesas redondas que promovan a reflexión colectiva en torno aos desafíos presentes e futuros do sistema sanitario.
Este equipo multidisciplinar está integrado por destacados perfís do ámbito da xestión e da política sanitaria como Luis Rosado Bretón (presidente do comité e exconselleiro de Sanidade da Comunidade Valenciana), Boi Ruiz García (exconselleiro de Saúde de Cataluña), Margarita Alfonsel (exsecretaria xeral de FENIN), Antonio Martos López (director global de Sanidade en Indra) e Tomás Ruiz (exdirector xeral do Grupo Empresarial de Electromedicina), xunto a Rocío Mosquera Álvarez, que aporta a súa experiencia como exconselleira de Sanidade da Xunta de Galicia e actual directora do Cluster Saúde de Galicia.
A creación deste comité enmárcase no novo Plan Estratéxico 2025–2027 do Círculo da Sanidade, que inclúe 22 medidas orientadas a mellorar a sustentabilidade, eficiencia, responsabilidade social e innovación no sistema sanitario, promovendo unha colaboración real entre administracións, empresas, profesionais e pacientes.
Dende o CSG celebramos esta designación como un recoñecemento á traxectoria de Rocío Mosquera e á labor do ecosistema sanitario galego, que reforza así a súa presenza nos principais espazos de decisión e análise do sector saúde a nivel nacional.