Reábrese o prazo de inscripción para presentar proxectos innovadores en saúde para o Living Lab de Ourense

O pasado 1 de xuño reabriuse o prazo de presentación de proxectos que participarán no Living Lab de Ourense para o ano 2020. As entidades interesadas terán de prazo ata o vindeiro día 1 de setembro para presentar as súas propostas con motivo da reanudación do procedemento que quedou paralizado pola crise de Covid-19.

A participación no Living Lab está aberta a iniciativas de carácter innovador, xa sexa produto ou servizo, en procesos e/ou no modelo de negocio tanto no sector sanitario ou biomédico como noutros sectores transversais, como alimentación, TIC, novos materiais, construción, electrónica e robótica. Os proxectos que se presenten deben ter capacidade de xerar resultados con aplicación na sociedade, con potencial comercial e de xerar retornos, aínda que sexa a longo prazo.

Os proxectos seleccionados poderán participar no Living Lab de Ourense, da Rede Labsaúde de Galicia que nace como unha organización intermedia que busca conectar os proxectos e produtos cos usuarios finais. Estes laboratorios son plataformas de innovación e tecnoloxía que involucran a todos os axentes do eido sanitario, promoven a experimentación e favorecen o desenvolvemento de solucións innovadoras en función da demanda social. Son espazos reais nos que desenvolver e probar as iniciativas innovadoras que parten das empresas e entidades de investigación.

En canto ao Living Lab de Ourense, os responsables dos proxectos disporán dunha contorna real na que testar as súas iniciativas e prototipos e disporán do apoio de todos os axentes que forman parte deste laboratorio. Por outra banda, hai que destacar que é o primeiro laboratorio da Rede Labsaúde e aúna ao Sergas, universidade, centros de investigación, empresas, organismos de apoio do sector da biomedicina e da biotecnoloxía e á sociedade. Trátase dun espazo de creación, que promove a innovación, a transferencia de coñecemento e o desenvolvemento dun tecido empresarial emprendedor no sector da saúde.

No Living Lab de Ourense traballan en base ás liñas de innovación marcadas como prioritarias, todas elas moi centradas nos doentes, que son: atención ao doente maior e/ou crónico; emponderamento de doentes e cidadáns; tecnoloxías da información e telecomunicacións; robótica e realidade virtual; impacto do ambiente na estadía hospitalaria; e outras iniciativas máis abertas que busquen mellorar a calidade de vida e atención sanitaria recibida polos usuarios.

Máis información