A Presidenta do Cluster Saúde de Galicia (CSG), Rocío Mosquera Álvarez, foi incluida como muller galega de referencia pola Asociación de Executivas de Galicia dado o seu papel e a súa traxectoria profesional no seu sector de actividade, a sanidade pública.

A Asociación de Executivas de Galicia é unha organización que naceu coa intención de colaborar e crear unha rede de apoio que visualice e promova o empoderamento feminino como motor para o futuro e axente clave no desenvolvemento socioeconómico de Galicia, estando plenamente comprometida hoxe coa defensa, recoñecemento e promoción dos dereitos e intereses das mulleres profesionais galegas en todos os seus ámbitos.

Neste sentido, a referida asociación quixo incluír a Rocío Mosquera, presidenta do Clúster Saúde de Galicia (CSG) na lista de mulleres referentes galegas polo seu compromiso, papel e rendemento profesional no marco das actividades desenvolvidas no seu sector, a sanidade pública.

Tamén é importante destacar que calquera entidade ou empresa coa intención de acceder a perfís profesionais de mulleres consideradas referentes no seu sector, terá acceso á ferramenta actualizada creada pola Asociación de Executivas de Galicia consistente nun rexistro de mulleres de referencia na súa rama de actividade en Galicia.

En canto á traxectoria profesional de Rocío Mosquera, cabe destacar que actualmente é a Directora Xeral de Galaria, cargo que desempeña dende xaneiro de 2018 e Presidenta do Clúster Saúde de Galicia (CSG) onde realiza importantes traballos de canalización e apoio a colaboración público-privada na innovación sanitaria. Ademais, foi Conselleira de Sanidade, dende xaneiro de 2012 a outubro de 2015 e Xerente do Servizo Galego de Saúde dende maio de 2009 a xaneiro de 2012.

Anteriormente, fora Xerente do Hospital Nuestra Señora de la Esperanza; asesora da Dirección Xeral de Saúde Pública; Subdirectora xeral de atención especializada do Sergas, xefa do Servizo de Inspección Sanitaria da Secretaría Xeral do Ministerio de Sanidade, Directora da Atención Primaria de Saúde da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e inspectora médico da Seguridade Social, un posto ao que accedeu por oposición en 1985.

No que respecta á súa formación, é importante destacar que Rocío Mosquera é licenciada en Medicina e Cirurxía pola Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela, especialista en Cirurxía Xeral e Dixestiva, formada no Hospital Xeral de Galicia (Área sanitaria de Santiago de Compostela). No seu currículo formativo, fai referencia a unha variedade de cursos sobre xestión sanitaria, incluído un máster en Xestión do hospital, da Escola de Xestión Superior e Administración (EADA).

A Asociación de Executivas de Galicia, que xa ten a Rocío Mosquera como muller líder dentro da Asociación, busca, entre outras cousas, amplificar e difundir consciente e decididamente a voz de todas estas mulleres onde aínda non se escoita coa intensidade necesaria creando un espazo colectivo onde compartir experiencias, emprender accións e forxar alianzas que axuden ao crecemento persoal e profesional das mulleres, tendo presente que a representación profesional en determinadas áreas está lonxe de ser igualitaria. Neste punto é moi necesario salientar a importancia da unidade e o apoio entre as mulleres, xa que estes son aspectos esenciais para acadar a igualdade de oportunidades.

Por este motivo, a citada Asociación destaca, entre os seus obxectivos, a loita pola igualdade de oportunidades no ámbito social, político, empresarial e executivo, dando máis visibilidade ás mulleres galegas cualificadas e preparadas. Un logro que se conseguirá mediante a concienciación sobre o papel das mulleres profesionais galegas tanto na sociedade como na empresa, facendo especial fincapé no valor engadido que proporciona o liderazgo feminino.